Dec. 17.

A CIG-Ensino non descarta propor unha convocatoria de folga se Wert persiste en manter os contidos da LOMCE

Chama a participar nas mobilizacións convocadas pola Alianza Social Galega para o vindeiro día 20 de decembro, ás 19:00 horas.

Wert

A CIG-Ensino leva máis dun mes recollendo sinaturas e realizando asembleas en todos os centros para explicar o anteproxecto da LOMCE e as consecuencias que, de aplicarse, tería para o ensino.
Anxo Louzao, o seu secretario nacional, afirma que “non imos permanecer impasíbeis ante o ataque que supón para o sistema educativo, para a igualdade de oportunidades e para a galeguización do ensino”.
Por iso, fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas para o día 20 pola Alianza Social Galega e non desbota convocar mobilizacións máis contundentes, como pode ser unha folga “se o ministro persiste neste anteproxecto, que sería a liquidación dun ensino galego, científico e laico”.

Louzao denuncia que o proxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa presentado por Wert afonda aínda máis naqueles aspectos “sumamente nocivos” que xa recollía o primeiro anteproxecto. “Un españolismo exacerbado, submisión absoluta aos intereses do ensino privado concertado e vasalaxe á conferencia episcopal”. Esta submisión explicaría, segundo o secretario nacional de CIG-Ensino, a presentación deste segundo anteproxecto que “participa da ideoloxía máis extrema do PP”.

Entre outros aspectos, Louzao salienta a invasión das “xa cativas” competencias das distintas administracións educativas, e o obxectivo de eliminar o coñecemento e aprendizaxe das linguas que non sexan a española, afastando do ensino o coñecemento da nosa realidade tanto social, como económica, histórica ou cultural. “Estamos a falar dun anteproxecto de lei que ten como obxectivo fundamental españolizar e que, polo tanto, non vai dar cabida, no currículo escolar de Galiza, a ningún aspecto daqueles que nos identifican como nación”.

A visión “centralista e colonizadora” amósase tamén, segundo a CIG-Ensino na clasificación das propias materias. “Hai troncais, que son as importantes, para as que a administración se reserva o 100% da posibilidade de lexislar sobre o currículo, pero como mínimo do 50%. Nunha segunda categoría estarían as específicas, e  no último rango  as especiais, nas que están a lingua e a cultura galegas”. Isto evidencia, para Louzao, “a pretensión do ministro de eliminar o noso idioma”.

Salienta que a Lei mesmo programa a posibilidade de que o alumnado sexa “ignorante no seu propio idioma”, promovendo  o descoñecemento  do galego, ao  facilitar ao alumnado que se negue ao ensino en galego unha praza nun centro privado, sufragando os gastos as administración educativa

Relevancia da materia de relixión

A isto engade que, neste segundo proxecto de lei, faise da relixión unha materia de oferta voluntaria para a que se programa unha materia alternativa avaliábel e cualificábel, do punto de vista académico, co obxectivo, denuncia, “de facer un  efecto chamada para que o alumnado colla relixión, para afondar nun sistema educativo confesional”.

Pero non só iso, no bacharelato a materia de relixión vai ser unha optativa, o que conculca o dereito á liberdade relixiosa, porque, explica, o alumnado que non teña ningún credo relixioso vai ter unha opción menos, ao non haber unha materia que substitúa á relixión. “É a primeira vez que se lexisla neste sentido” subliña Louzao, quen entende que é “inconcibíbel que a estas alturas, nun estado aconfesional teñamos enriba da mesa unha lei que reforza a materia de relixión en detrimento a outras materias e que vaia ter unha carga horaria moi superior á maioría das materias agás as troncais”.

Un terceiro aspecto, que vai máis alá do primeiro anteproxecto, é o do reforzamento do ensino privado-concertado, na medida en que un dos elementos da programación e planificación do ensino vai ser a demanda social. “Iso está previsto para que aqueles centros que hoxe teñen unha demanda de alumnado importante e que non poden resolver esa demanda poidan ter vía libre para construír ou ampliar o concerto das súas unidades”.

Asegura que isto contrasta coa normativa actual que xa é moi favorecedora do ensino privado concertado pero que, polo menos na LOE, estabelecía o dereito que temos todas as cidadás e cidadáns a ter garantida unha praza no sistema público de ensino.

Xunto a isto salienta a aparición doutras prerrogativas que levan cara a privatización do ensino, como é a redución ou merma das competencias do Consello Escolar, trasladándoas á figura do director ou directora titular do centro.

Con todo, Anxo Louzao conclúe que este proxecto de lei está pensado, fundamentalmente, para liquidar, expulsar ou excluír do sistema educativo os idiomas propios, na medida en que, por vez primeira, unha Lei Orgánica estabelece de forma detallada o uso dos idiomas das distintas administracións educativas cunha proposta que impide a inmersión lingüística e que vai , aínda, máis alá do modelo de trilingüismo que temos en Galiza, que tan nocivo está a ser para o noso idioma. O obxectivo evidente é que os idiomas propios non sexan linguas vehiculares no ensino, programando a súa desaparición na medida en que vai prohibir o ensino en galego, mesmo contradicindo a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía.

Este é o aspecto máis negativo, para a CIG-Ensino, que advirte que non está disposta a que se lexisle co obxectivo de enterrar o noso idioma como idioma vivo, como idioma vehicular do ensino, para seguir negando a nosa condición como galegos. “Reafírmanos na necesidade dos galegos e galegas termos dereito a decidir, a ter un sistema educativo propio, galego e planificado desde a perspectiva das nosa necesidades e intereses”.

Por Onosolar | Publicado en CIG-Ensino, Ensino | Comentarios e Trackback pechados

Etiquetas: ,