Mai. 05.

Avante Galiza!

AvanteGaliza

Manifesto “Avante Galiza!”

Vivimos momentos excepcionalmente difíciles. A crise económica está a ser a escusa perfecta para os gobernos españois, aplicando estusiasticamente as receitas neoliberais da Troika, acabaren co noso País e arruinaren o pobo, as traballadoras e os traballadores: róubannos dereitos laborais, báixannos os salarios, condénannos ao desemprego e á precariedade, fórzannos á emigración, espolian os nosos aforros, vulneran o noso dereito a unha vivenda digna, deterioran e privatizan os servizos públicos, négannos a capacidade de producir, eliminan dereitos sociais conquistados e moi especialmente os das mulleres, agriden o ambiente e o territorio, acentúan a discriminación da nosa lingua, camiñan para unha maior centralización, desvalorizan e recortan a democracia…. Aliás, tentan criminalizar a protesta social e a oposición ás súas políticas, pensadas para tornar os ricos aínda máis ricos mentres empurran capas a cada día máis largas da poboación á precariedade e á miseria.

No entanto, o pobo galego está a reaccionar con decisión e contundencia contra esta situación. Millares de persoas mobilízanse cada día, cada semana, cada mes, en defensa dos seus dereitos e do futuro de Galiza. O noso País está a dar exemplo de resistencia e mostra inequívoca de vontade de mudar as cousas. A cidadanía galega está a afirmar cada día nas rúas que Galiza pode e debe ser outra cousa. A mudanza que a Galiza precisa constrúese coa mobilización popular, mais tamén cos votos. Votar é outra forma, moi efectiva, de dicirmos non á Europa do capital e á Galiza submisa e dependente e de dicirmos si á esperanza, á xustiza social, á igualdade e a unha Galiza soberana, dona do seu futuro.

Entendemos, pois, que é preciso afortalar a mobilización popular cos votos, para comezarmos a dar a volta ás cousas. E debemos facelo confiando nas propias forzas. Apoiando nestas Eleccións europeas unha candidatura integrada por persoas comprometidas coa defensa do noso País e do pobo traballador, por activistas sociais, por mozas e mozos que apostan en viviren e traballaren na súa Patria, por mulleres e homes libres que ansían un futuro de liberdade para a nosa nación. Unha candidatura que representa a Galiza que non se resigna, a Galiza rebelde e insubmisa, que protesta, que constrúe coas propias forzas un futuro diferente. Porque temos confianza na capacidade do noso pobo. Porque sabemos que, con decisión, Galiza pode conseguilo.

Non podemos resignarnos! Non podemos inhibirnos! Temos de reaxir. É hora de se comprometer. Por iso apoiamos a plataforma social AVANTE GALIZA!, que acompaña a candidatura galega nucleada arredor do BNGe encabezada por Ana Miranda, porque é a mellor maneira de afirmarmos o noso dereito ao futuro, á xustiza social, á igualdade, ao benestar e á liberdade. Porque é a mellor maneira de afirmarmos a nosa vontade de sermos unha nación en Europa, unha nación no mundo.
SINATURAS-PERSOASSINATURAS-ENTIDADES

Por Onosolar | Publicado en BNG | Comentarios e Trackback pechados