Xan. 25.

Como tento xestionar o meu correo no móbil

Nun artigo anterior dicíavos como xestionar o correo electrónico (ligazón), falaba de ter tres correos electrónicos e xestionalos por separado, tamén falaba do meu correo @cig-ensino.com (agora @cig-ensino.gal) e a súa difícil xestión.

Cóntovos agora as solucións técnicas que uso para esa xestión, sei que a solución máis sinxela pasaría por unificalos todos en Gmail e utilizar o Gmail como xestor de correo, pero non acaba de convencerme, manías que ten un, a parte de non ter push.

Un punto importante para a xestión é o aforro de batería no móbil, e penso que desta vez tamén o logrei.

Para as que non me seguides habitualmente, son usuario de Apple, polo que teño iPhone 6 plus, iPad 4 e MacBook Pro.

Primeiro, pensei en tentar utilizar só a aplicación de correo do iOS e do OSX, pero descarteino por mesturarse correos importantes con correos tipo spam.

Estiven probando, a mais das aplicacións nativas dúas aplicacións no iOS (Mailbox e Acompli) e outras dúas no OSX (Mailbox e Airmal2).

Pero imos ao gran, como tento xestionar o meu correo.

No OSX.

Aquí decidín usar só o Airmal2, reúne todo o necesario a máis de estar (more or less) en galego, o cal xa é un punto a favor.

Nesta app podo xestionar todas as miñas contas sen ningún problema. Permíteme incluso xestionar a conta @cig-ensino.gal e @edu.xunta.es por imap e baleirar os correos en calquera das outras contas, no meu caso @icloud.com

No iOS.

Aquí decidín usar a aplicación nativa de iOS pero non xestiono as contas @cig-ensino.gal e @edu.xunta.es senón que teño nelas unha redirección automática a @icloud.com o cal me permite ler os correos en push, sen gastar batería a maiores, deixando para o MacBook Pro e o iPad a xestión das contas @live.com e gmail.com nas que só teño publicidade, subscricións e Spam.

Nun primeiro momento pareceume boa idea pero sempre había alguén que me mandaba un correo a calquera destas dúas contas e claro, non o lía.

Así que despois de probar decidinme por Acompli, que fai unha moi boa xestión dos correos de Spam e, ao menos no meu caso non lle noto consumo de batería.

Ía todo ben até que un día tiven que buscar un correo no iPhone enviado desde @cig-ensino.gal no Macbook Pro… e claro non o tiña…

E pensando como facer para ter estes correos no iPhone sen gastar batería e sen ter que ter a conta @cig-ensino.gal no móbil din coa solución.

Cada correo que envío desde @cig-ensino.gal (ou desde @edu.xunta.es) leva CCO a @icloud.com e en icloud.com teño unha regra automática que leva estas mensaxes á carpeta de enviados e listo… todas as mensaxes enviadas están na mesma carpeta de icloud.com, envíe desde onde envíe; retorcido, pero funcional, moi funcional.

Por Onosolar | Publicado en Bitácora | Comentarios e Trackback pechados

Etiquetas: , , ,