Mar. 02.

No meu correo mando (tentoo) eu

SobreSempre que comezamos con algo novo facémolo emocionadas e emocionados, e ao cabo de certo tempo, máis pronto que tarde descubrimos cantos erros cometemos ao longo do tempo, e neste artigo tento axudar, sei que chego tarde, a que isto non nos pase co correo.

Nalgúns casos unha vez lido este artigo algunhas cousas poderán ter solución, noutras, como no meu, xa é tarde.

Non podo rematar a introdución sen deixar claro que non podería traballar, e incluso vivir tal e como o fago, sen o uso do correo electrónico.

E aínda que moita xente pense que o correo electrónico nos móbiles fainos escravas ou escravos eu, que teño o correo mobilizado desde a miña primeira PDA en tempos previos a Adrián, penso que máis ben ao contrario… pero como sempre depende de como o uses.

Espero os vosos comentarios e opinións

1.- Ter tres correos electrónicos distintos.

Si, algún e algunha de vos dirá, tres correos? non dou atendido un como para ter tres… pois xusto por iso, se teño tres correos terei todo clasificado e saberei con que frecuencia teño que mirar cada un deles.

O primeiro correo, é o profesional, no meu caso @edu.xunta.es (e tamén @cig-ensino.com, aínda que este é un correo moito máis complicado de xestionar e que non ten solución) que usaremos só para o traballo e cousas referentes a el, non llo daremos nunca a ninguén, polo que se recibimos un correo nel saberemos que é do traballo e que pode ser urxente. 

O segundo correo, é o persoal, no meu caso @icloud.com, é o que usamos para amigas, amigos, compañeiras e compañeiros de traballo, correspondencia bancaria, facturas… ese que imos ler a gusto (salvo a correspondencia bancaria)… sempre que consigamos derivar a certos personaxes cara o terceiro correo. Eu neste tamén inclúo as páxinas nas que compro habitualmente, pero a tipo amazon, apple… para as outras como privalia, groupon… e demais utilizo o terceiro. En definitiva este correo é o tradicional buzón de correos que temos no portal da casa.

O terceiro correo, no meu caso @gmail.com, é o máis importante e o que menos imos ler, o correo para spam, é dicir, para todas as páxinas que nos piden rexistro, para as amigas e amigos que teñen moito traballo pero que non fan máis que bombardearnos co mellor chiste do ano, coa cadea que esta si que é real… en fin xa as e os coñecedes. Eu este correo o leo como moito unha vez ao mes, e claro sempre hai algunha amiga ou amigo que manda aquí o que debería mandar ao segundo… e mira que llo dis, pero…

2.- Que correos envío.

Tal e como volverei dicir no punto 6 seguen a existir os teléfonos fixos, móbiles, e, atención, as cafetarías, as salas de reunións… en definitiva o correo electrónico é unha gran ferramenta de traballo, pero en moitos casos, ao menos eu, sigo a precisar o contacto persoal, ver so xesto, as reaccións… en definitiva ser persoas. É unha regra moi sinxela, o que non che gustaría ter que ler nun correo electrónico non o envíes polo mesmo.

3.- A quen e como envío os correos.

Se envío un correo que ten que ser lido e comentado ou respostado por dúas ou tres persoas os correos delas van en aberto, para que ambas saiban que van para os dous.

Se o correo non precisa resposta ou se ten resposta, esta é só para min entón si que os correos irán en CCO ou BCC.

Nunca ou case nunca reenvío correos sen antes “customizalos” é dicir, non fago de mensaxeiro ou repartidor.

4.- Como son os meus correos.

Claros e concisos, se é un tema que precisa dunha explicación longa engado PDF que se poida arquivar, gardar ou ler con calma, e incluso para que moita xente o imprima, si, moita xente aínda non é quen de ler cousas longas nos ordenadores e tamén temos que pensar nelas.

En canto a como asino os correos pégovos a continuación dúas das miñas dúas sinaturas, en tempos púñalles imaxes, pero penso que aumentaba o tamaño do correo, a máis de que dependendo do xestor de correo non sempre se vían ben, ou no lugar adecuado.

_______________________
Diego Boquete Sánchez

Twitter: @Onosolar
www.cabozo.com/user/OnL
www.facebook.com/Onosolar
www.onosolar.gal
Cando imos ter iOS e OS en Galego.
Antes de imprimir esta mensaxe pensa se é necesario; aforrando papel, tinta e enerxía coidamos a natureza.
Para enviar mensaxes a varias persoas utiliza a casilla CCO (BCC), Grazas.
Usar a casilla CCO (BCC) é a unica forma de evitar nos collan as direccións para SPAM

_______________________
Diego Boquete Sánchez
Twitter: @CIGEnsino
www.facebook.com/CIGEnsino
www.cig-ensino.com
Antes de imprimir esta mensaxe pensa se é necesario; aforrando papel, tinta e enerxía coidamos a natureza.
Para enviar mensaxes a varias persoas utiliza a casilla CCO (BCC), Grazas.
Usar a casilla CCO (BCC) é a unica forma de evitar nos collan as direccións para SPAM

5.- Adxuntos.

A non ser que saiba que a persoa que o reciba utilice o mesmo programa ca eu sempre iran en PDF, a máis que é a única forma segura de que alguén os poida ler en calquera trebello.

6.- Non contesto inmediatamente.

Xa sei, eu non o cumpro, xa dixen antes que eu non teño remedio, pero estou tentando “curarme”.

Se contestamos inmediatamente non faremos as cousas por orde de importancia, se non por orde de chegada, o que non sempre é correcto. A máis que a inmediatez leva a que teñas que contestar tres ou catro veces a un mesmo correo, ou ás sucesivas respostas, co cal o correo acaba convertíndose nun chat no que ambas persoas están ao lado dun teléfono (si, aínda funcionan) ou do whatsapp ou similar.

Tamén teño que ter claro, tal e como di Berto Pena no post que dou lugar a este artigo, tampouco espero resposta inmediata, pero si meditada e correcta.


Idea nada ao ler o post: Las 9 reglas ocultas de Email que aprendí tarde

 

Por Onosolar | Publicado en Bitácora, Tecnoloxía | Comentarios e Trackback pechados

Etiquetas: , , , ,