Out. 22.

Polo Ensino Público

Este xoves, 25 de outubro, o BNG de Oroso vai celebrar un acto informativo sobre a situación do ensino no noso concello. O faladoiro, que terá lugar ás 19:30 horas no Centro Cultural Casas Nóvoa de Sigüeiro, porá de manifesto a situación actual dos diferentes centros educativos no concello de Oroso. Na charla contaremos con Isabel Fernández, do BNG de Oroso, Diego Boquete, Concelleiro do BNG no Concello de Oroso e Secretario Acción Sindical e Comunicación da CIG Ensino, e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento de Galicia.

O BNG de Oroso quere contar con toda a comunidade educativa do concello para poder avaliar dun xeito directo as demandas específicas que afectan aos centros escolares do municipio, de maneira que se poidan poñer os medios necesarios para mellorar na dotación de persoal, infraestruturas, servizos e actividades, etc… de cada un de ditos centros. Dende o BNG de Oroso, pensamos que compre dar resposta á inquedanza da nosa veciñanza sobre cuestións como a apertura de novas liñas en educación infantil e primaria ou a posibilidade de por en marcha o bacharelato no concello.

Dende o BNG de Oroso reafirmamos novamente o noso compromiso cun ensino 100% público, galego e de calidade, amosando a nosa preocupación para que o Concello de Oroso dispoña das mellores condicións para o desenvolvemento educativo dos nosos nenos e nenas.

ESTADES TODAS CONVIDADAS!

Por Onosolar | Publicado en BNGdeOroso, Ensino, Oroso | Comentarios e Trackback pechados