Out. 05.

#ProfesoradoConDereitos

Catro anos de traballo sindical liderando as reivindicacións do profesorado galego.

A CIG Ensino percorrerá nas vindeiras semanas os case 1.200 centros galegos para render contas, ante o profesorado galego, do traballo feito nos últimos catro anos.

Un tempo no que a perseveranza na destrución dos servizos públicos e das conquistas sociais e laborais do profesorado por parte dos gobernos da Xunta e do Estado leváronnos á mobilización permanente. Compaxinamos peches, concentracións, manifestacións, ocupacións de sedes das institucións con actividades lúdico-reivindicativas, manifestos, recollida de sinaturas, resolucións de claustros, de consellos escolares… e todo isto desde a permanente presencia nos centros educativos, facendo asembleas en todos os centros de Galiza un mínimo de tres veces ao ano.

Lingua, defensa do público e saúde laboral son outros dos temas nos que estivemos batallando nestes últimos catro anos.

Rendendo CONTAS. 4 anos de traballo sindical.

Nestes catro anos tanto pola súa proximidade nas datas como polo éxito acadado, cómpre salientar a última recollida de sinaturas, entre febreiro e abril deste mesmo ano 2018, na que 11.915 docentes, máis dun terzo do profesorado, apoiou o decálogo de reivindicacións para os dereitos do profesorado que ían desde a recuperación salarial á recuperación de dereitos, tanto lingüísticos como laborais, e ese foi o mandato que levamos ás negociacións das retribucións.

Para a CIG-Ensino, o ensino en galego é un alicerce básico sobre o que se debe estruturar o sistema educativo galego. Por iso, un dos nosos obxectivos fundamentais é, desde sempre, combater a galegofobia e loitar pola galeguización e normalización plena do ensino.

No documento anexo a esta nova podes ver un resumo do traballo realizado nestes catro anos, e se algún dos temas che interesa incluso podes ampliar a información simplemente clicando sobre a nova.

Documento do balance sindical

Por Onosolar | Publicado en CIG-Ensino, Ensino | Comentarios e Trackback pechados