Xan. 25.

Que Google inclúa o Galego como opción de idioma na versión base de Android

O galego é a lingua dunhas 3.185.000 persoas segundo o Ethnologue, extendéndose pola totalidade do territorio da comunidade autónoma galega (onde é oficial), áreas de Asturias, O Bierzo, Zamora e Extremadura. Ademais é tamén falado pola ampla diáspora galega que se extende por todo o mundo.

Malia a súa complicada situación sociolingüística, o galego é unha lingua especialmente viva no campo das novas tecnoloxías, non só pola súa importante presenza como lingua de uso nas redes sociais (20ª lingua de uso en Twitter no ano 2009, moi por enriba do seu peso poboacional e amosando un amplo grao de adopción temperá), senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas.

A pesar da importancia da nosa lingua, Android aínda non inclúe a opción de idioma de galego na súa versión base. Isto deixa en mans dos diferentes fabricantes a responsabilidade de traducir o sistema operativo ao galego, con resultados moi desiguais. Así, e a pesar de que aproximadamente o 90% dos móbiles do territorio galego conta con algunha das versións do sistema operativo Android, só certos terminais illados de fabricantes como LG, Samsung ou Sony dan ao usuario á opción de escoller o galego no seu sistema operativo.

Entendemos que unha comunidade lingüística da importancia da galega, cun número importante de usuarios, alta penetración de Android e presenza de variados grupos de desenvolvedores, merece que a súa lingua conte xa cun paquete predefinido de idioma desde a versión base de Android, a desenvolvida por Google, de forma que evite que a súa presenza en cada terminal dependa da vontade dos fabricantes. É por iso que solicitamos a Google que inclúa na versión base de Android o galego como opción de idioma.

Asina

#AndroidEnGalego

 

Por Onosolar | Publicado en Lingua, Tecnoloxía | Comentarios e Trackback pechados

Etiquetas: , ,