Xan. 12.

Queremos Apple en Galego

QueremosAppleGalego

O día 7 de decembro de 2014 botouse a andar formalmente Queremos Apple Galego! Unha iniciativa que nace coa intención de lograr o éxito de conseguir a tradución de todos os sistemas operativos dos dispositivos de Apple (OS e iOS) ao galego. Co fin de abrirlle un oco máis á nosa lingua no mundo tecnolóxico, lanzámonos a pedirlle a Tim Cook (CEO de Apple) e mais ao seu equipo dita tradución.

Diversos son os motivos que nos chaman nesta andadura, pero sobre todo, a ilusión e a necesidade de introducir a nosa lingua no mundo tecnolóxico de Apple. É porén, unha intención partillada a que nos chama: termos os nosos aparellos en galego e mais pular polo noso idioma, que non está a pasar bos momentos. É de destacar o alto emprego do galego na rede, non só pola súa importante presenza nas redes sociais (chegando a ser a 20ª lingua máis empregada no Twitter no ano 2009), senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas.

Malia as estatísticas de uso do noso idioma na rede, Apple aínda non incluíu o galego como lingua do seu sistema operativo. No iOS8, así como nas últimas versións de OSX, permítese configurar a lingua principal como a galega, mais a maioría dos seus contidos non están traducidos. Cremos que Apple ten que facer os deberes e rematar coa discriminación que está a sufrir a nosa lingua. Neste senso, lanzamos a nosa campaña #AppleEnGalego.

A campaña conta actualmente con diversas vías de comunicación (twitter – facebook – web. En todas elas publicamos as nosas actividades e propostas e mais recibimos novas de toda a xente que quere colaborar e apoiarnos. Até o de agora, temos realizada unha microcampaña de spaming ao twitter de Tim Cook e temos comentado algún truco para corrixir os textos ao noso idioma.

Por diante temos un camiño longo para o que precisamos o apoio de todas. Pouco a pouco, continuaremos a sumarmos apoios e, chegado o momento, lanzaremos unha recollida de sinaturas co Manifesto, xa accesíbel na nosa web, e mais o texto que lle faremos chegar a Apple. De momento precisamos implicación por facer chegar á nosa lingua un espazo máis, o espazo da mazá.

Por Onosolar | Publicado en Lingua, Queremos Apple Galego, Tecnoloxía | Comentarios e Trackback pechados